Monday 06 de May de 2024

Xunta e Movistar+ promoven o Camiño de Santiago nunha serie documental da man do escritor Javier Sierra


O programa arrancará o 7 de xuño e versará sobre os mitos, lendas e misterios das rutas xacobeas

O vicepresidente primeiro dixo na súa presentación que Galicia estaba preparada para recibir os turistas e invitou a Javier Sierra a guiar os peregrinos nesta andaina

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na presentación do programa Otros mundos: el Camino de Santiago que emitirá Movistar+ a partir do 7 de xuño da man de Javier Sierra. Nesta serie documental, o escritor profundará nos mitos, lendas e misterios das rutas xacobeas.

No acto, que tivo lugar no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, Alfonso Rueda recordou que Javier Sierra é un gran coñecedor da tradición xacobea e da Catedral de Santiago, motivos recorrentes nas súas obras, polo que invitouno a ser “guía dos peregrinos” a través das pantallas do televisor e a compartir os seus coñecementos con todas as persoas que este ano se animen a facer o Camiño de Santiago.

O vicepresidente primeiro defendeu a aposta da Xunta polo audiovisual para difundir o Xacobeo e acadar así o obxectivo de chegar este ano ao 75% da poboación española a través da campaña Camiña a Galicia, presentada recentemente e na que a Administración galega inviste 8M€.

Tamén subliñou a importancia de que personaxes recoñecidos como Javier Sierra se animen a facer o Camiño, sexa física ou virtualmente, como antes fixeron os deportistas Gómez Noia e Óscar Pereiro e como a Xunta agarda que fagan milleiros de peregrinos nun Ano Santo que arranca por fin e no que Galicia está preparada para recibir aos visitantes.

A Xunta confía no Xacobeo como motor da recuperación económica de Galicia e para iso vén de activar o seguro coronavirus, que cobre as estadías e os gastos de calquera visitante que se contaxie da covid-19.

Ademais, co obxectivo de reactivar o sector, a Administración galega puxo en marcha a campaña Elixe Galicia, para desestacionalizar o turismo e chegar a máis poboación, e a tarxeta Bono Turístico, cuxos beneficiarios poderán activar en breve. Nas dúas iniciativas a Xunta mobilizou case 10 millóns de euros.